Ciencia e ficción, un combo invencible (Vol. II – Televisión)

A pequena pantalla converteuse xunto coa literatura e o cine nun importante medio de transmisión do coñecemento científico. Nesta reportaxe afondaremos nas series e programas do xénero da ciencia ficción (e da ficción sobre ciencia), entre os cales están clásicos como Star Trek ou Doctor Who, que acadaron grandes audiencias durante décadas

 

Lucía Blanco Fernández

Gran Bretaña e Estados Unidos foron os pioneiros no xénero televisivo da ciencia ficción, o que explica que moitos dos programas máis populares foran producidos neses países. En 1963 estreouse Doctor Who (BBC), a serie de ciencia ficción máis longa da historia. Narra as aventuras dun extraterrestre chamado O Doutor que viaxa a través do tempo e do espazo coa súa nave. Nos seus primeiros capítulos mesturaba ciencia ficción con historia, pero finalmente decantouse polo espazo e a temática futuristas.

 

A máis recente Doutora Who.

 

Tres anos despois da estrea de Doctor Who, comezouse a emitir Star Trek (NBC), unha das ficcións máis coñecidas dentro deste xénero. A serie orixinal, que relata as viaxes da tripulación dunha nave espacial, conta con tres tempadas a partir das que se fixeron outras series e películas derivadas. A saga combina elementos da ciencia real con outros elementos non tan verídicos para conseguir así uns guións novidosos que atrapen ao espectador.

Vin naves arder máis aló da ficción

Máis aló da ficción, temos exemplos de programas que desenvolveron un gran labor como divulgadores da materia. Cosmos é unha serie documental na que o científico norteamericano Carl Sagan explica as súas teorías sobre o coñecemento do mundo. Está formada por trece capítulos nos que aborda temáticas como as viaxes interestelares, as orixes da vida, os efectos da velocidade da luz ou a busca de vida en Marte.

 

Carl Sagan en ‘Cosmos’.

 

Televisión Española tamén emitiu e emite programas que axudaron a visibilizar e a achegar a ciencia a todos os públicos. Un deles é Órbita Laika, aínda en antena, que mestura a divulgación científica co humor e explica dun xeito lúdico materias como a Química ou a Bioloxía.

 

Imaxe corporativa de ‘Orbita Laika’ de TVE.

 

Nesta mesma liña, pero cun formato máis serio, atopamos Redes, un espazo presentado e dirixido por Eduard Punset. Nel tratábanse temas relacionadas co mundo da ciencia e do coñecemento humano. En cada programa contaban con expertos, moitos deles de gran prestixio internacional, ademais das intervencións do propio presentador. Velaquí o primeiro programa de Redes.

 

Sheldon e compañía

Big Bang Theory é unha das comedias máis exitosas dos últimos anos. A través dos seus protagonistas consegue achegarnos o mundo da Física e ver como esta afecta a nosa vida diaria sen que nos decatemos. Nos seus episodios hai numerosas referencias a teorías e conceptos científicos como a materia escura, a relatividade ou o efecto Doppler. Debido ao seu gran labor na comunicación da ciencia, en 2017 os produtores da serie recibiron a prestixiosa medalla Stephen Hawking.

 

Stepehn Hawking, co equipo de ‘The Big Bang Theory’.

 

Hoxe en día grazas ás novas plataformas audiovisuais, existe unha gran variedade de series e programas de ciencia ficción, que se converteu nun dos xéneros con máis éxito dos últimos anos. Entre as narrativas máis actuais atopamos Black Mirror, que é unha serie distópica que amosa como a tecnoloxía pode alterar a nosa vida e as terribles e impredicibles consecuencias que pode ter.

 

Miley Cyrus en ‘Black Mirror’.

 

Máis preto de nós, El Ministerio del Tiempo de TVE é un dos produtos audiovisuais máis demandados tanto na emisión liñal como en diferido. A serie de Pablo e Javier Olivares combina elementos e personaxes históricos con outras referencias ao mundo da ciencia ficción e dálle visibilidade a figuras clave da ciencia en España, como foi o enxeñeiro Emilio Herrera, e vén de rescatar a novela ‘El anacronópete’, novela pioneira da ciencia ficción en español escrita en 1887 por Enrique Gaspar.

 

(Imaxe destacada: Spock e P’Tring, de ‘Star Trek’ / NBC)

One thought on “Ciencia e ficción, un combo invencible (Vol. II – Televisión)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará