XuvenCiencia en Rede quere coñecer a percepción sobre o medio rural logo da Covid-19
O proxecto Somos o que comemos? lanza unha enquisa para recabar opinións da poboación galega sobre a alimentación ecolóxica e os lugares de onde procede
Somos o que comemos? é un dos obradoiros do Campus de Verán XuvenCiencia en Rede 2020 que vén de inicar hoxe a súa actividade. Alumnado de secundaria e monitoras científicas ás ordes das profesoras Ruth Rodríguez Bermúdez e Marta López Alonso, do Campus de Lugo da USC, traballan para determinar a percepción en Galicia da alimentación ecolóxica e de proximidade e o medio rural no que se producen estes alimentos. Coa idea de acadar unha mostra o máis ampla que sexa posible, XuvenCiencia en rede anima a toda a poboación galega a responder de xeito anónimo unha enquisa que se pode atopar na seguinte ligazón.
As responsables do proxecto Somos o que comemos? pretenden recabar a través desta enquisa datos sobre a aceptación dos cultivos alimentarios que se obteñen en Galicia a partir de técnicas respectuosas co medio ambiente, as denominacións de orixe e as razas de gandería autóctonas e se a situación actual de pandemia global e crise sociosanitaria ten mudado a idea das galegas e dos galegos sobre a importancia do medio rural do país no abastecemento de alimentos de calidade e cunha menor pegada ecolóxica. A información resultante da enquisa será analizada, tratada e empregada para a elaboración de investigacións e comunicacións científicas.