A verdadeira campioa de Miss Vaca 2023 témola nós no XuvenCiencia

O programa Luar da Televisión de Galicia decidiu contraprogramar este venres a nosa XuvenFesta coa emisión dunha nova edición do certame Miss Vaca de Galicia, no que concursan exemplares das catro provincias galegas e que adoita gañar… a vaca da provincia de Lugo. Para a xente xuvencientífica a verdadeira campioa de Miss Vaca 2023 é a nosa vaca da facultade de Veterinaria, que acompaña os breves momentos de lecer que temos na sobremesa. Se a nosa vaca falase…

Que por que Lugo adoita gañar o Miss Vaca de Luar con tanta asiduidade?

Pois non temos unha razón soa, senón que son varias. A primeirísima é que en Lugo hai vacas. Vacas rubias, vacas frisoas, pardo-alpinas, charolesas e tamén algunha vaca morena, como as cachenas ou vianesas.

Velaquí este mapa de Praza Pública, na que podemos ver os municipios de Galicia nos que hai máis vacas que persoas.

 

Aproximadamente a metade de todas as vacas de Galicia (un total de medio millón) están na provincia de Lugo. Asemade, en Lugo tamén teñen máis presenza fronte ao resto de Galicia as vacas de raza rubia galega, que son as que se presentan ao concurso de Miss Vaca de Luar.

Estes días de XuvenCiencia, a nosa rapazada acampada ten a oportunidade de achegarse á realidade produtiva e científica da provincia de Lugo, e organizamos proxectos nos que se visitan explotacións como a Granxa Gayoso Castro e tamén visitas a centros como Xenética Fontao ou Leite Larsa.

Ademais, foi Lugo onde se conformaron hai máis dun século os primeiros estándares para definir a raza de vaca rubia galega. Foi grazas ao veterinario catalán Juan Rof Codina, que foi destinado para exercer en Lugo e que organizou os primeiros concursos de calidade bovina. Aínda gardamos na Biblioteca Intercentros a vara ou bastón Rof, un compás zoométrico que foi de uso moi popular entre os tratantes e os gandeiros entre os anos vinte e cincuenta do século pasado. O propio Rof Codina tiva que medir máis de 2.000 vacas para determinar cales eran as características que debía cumprir unha boa vaca rubia do país.

Vemos aquí a Rof Codina nesta foto cedida pola Real Academia Galega de Ciencias.

2022. Juan Rof Codina | ragc

 

A escultura da vaca da facultade de Veterinaria é unha doazón do artista de Paradela Álvaro de la Vega. É unha talla realizada en madeira de pradairo que pesa máis de 500 quilos e que leva por título Atavismo. Reproduce a fisonomía dunha vaca de raza rubia galega. Segundo lle contou á xornalista Ana Casanova de El Progreso cando se produciu a doazón, “alude a manter viva a chama do rural e dos seus habitantes”. Na súa capa podemos observar gravados de figuras de bóvidos dos que xa aparecen en covas prehistóricas como as de Altamira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *