Todo listo para o Campus XuvenCiencia en Rede
O programa, para adolescentes de 16 a 18 anos, abre o luns 29 de xuño e será clausurado por unha charla interactiva de Oliver Laxe aberta ao público xeral o vindeiro venres, 3 de xullo
Arranca o Campus de Verán XuvenCuencia en Rede nestas primeiras semanas de nova normalidade logo dunha primavera marcada pola pandemia global e a crise sociosanitaria provocada pola Covid-19. Ante a imposibilidade de celebrar de xeito presencial a oitava edición do proxecto primeiro e máis antigo promovido polo grupo de innovación docente XuvenCiencia, do campus de Lugo da USC, as e os seus responsables teñen deseñado unha alternativa que se porá en marcha o vindeiro luns, 29 de xuño, con proxectos para desenvolver en rede, pero non de xeito virtual. O cineasta Oliver Laxe, recentemente erixido en imaxe do Campus Terra, será o encargado de poñerlle peche o venres 3 de xullo a XuvenCiencia en Rede cunha charla interactiva que se emitirá en streaming para a toda a comunidade universitaria e o público en xeral desde a Casa do Saber da Vicerreitoría luguesa.
Desde o grupo XuvenCiencia concíbese esta proposta en rede como “unha irmá máis nova” do Campus de Verán XuvenCiencia, polo que teñen pasado arredor dun milleiro de mozas e mozos de Galicia e de fóra do país nas sete edicións que van celebradas. A iniciativa deseñada tendo en conta as características especiais deste curso académico, especialmente duro para as e os adolescentes e as familias, “que se viron pechadas nas casas nun contexto de incerteza xeral”, non nace para substituír o campamento presencial, senón coa vocación de ser unha alternativa e, sobre todo, un espazo de coñecemento, intercambio e diversión para aquelas/es que escolleron o camiño da ciencia nestes primeiros días de vacacións escolares.
Os proxectos e obradoiros ofertados están ideados, segundo sinala a coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo, co propósito de construír un clima de reflexión entre o profesorado, as monitoras e o alumnado arredor, por exemplo, dos alimentos que consumimos, a imaxe que temos do medio rural no que se producen e a importancia que desempeñará nun contexto de crise global tanto o reducir a pegada de carbono no seu transporte como o garantir a seguridade a través de ferramentas de trazabilidade alimentaria. Asemade, neste tempo de días longos e noites curtas que lle segue ao solsticio de verán, as xuvencientíficas e os xuvencientíficos recibirán instrucións para armar e poñer a funcionar o seu propio reloxo solar e debaterán sobre a influencia que ten a hora solar sobre os usos sociais e a nosa vida.
O alumnado deste Campus de Verán XuvenCiencia en Rede terá algunhas sesións de orientación a través de videoconferencia, pero o programa está pensado para que collan as súas libretas de campo e se boten fóra para tomar datos, recoller enquisas e materiais que despois poñerán en común cos seus colegas, as monitoras e o profesorado. Xa que unha información veraz é imprescindible na configuración de sociedades libres e democráticas e baixo a premisa de que a divulgación de ciencia para os públicos máis diversos será a pedra filosofal na formación das vindeiras décadas, o alumnado recibirá tamén unha introdución á comunicación e ao xornalismo científico e elaborará pezas divulgativas e informtivas cos resultados obtidos nos seus experimentos.
XuvenCiencia en Rede concluirá o venres, 3 de xullo, ás 12.00 do mediodía, cunha charla interactiva que pronunciará o cineasta Oliver Laxe desde a Casa do Saber da Vicerreitoría de Lugo. O seu proxecto na Montaña de Lugo, na aldea da que emigrou a súa familia, e a “autorrealización” persoal serán algúns dos asuntos que aborde o premiado director de O que arde. A entrada será libre e gratuíta ata cubrir o aforo coas condicións de seguridade e distancia social establecidas na nova normalidade e emitirase en directo en internet para poder ser seguida desde a casa. Esta última actividade do Campus de Verán XuvenCiencia en Rede está aberta non só a toda a comunidade universitaria e preuniversitaria de Galicia e máis aló das fronteiras do país, senón tamén ao público en xeral, que poderá realizar preguntas tanto presencialmente como a través do chat da videoconferencia.