Ritmo imparable na segunda xornada dos proxectos de #XC2022

As nosas xuvencientíficas/os encamiñáronse na xornada do mércores na segunda sesión dos proxectos deseñados para este décimo aniversario do Campus de Verán XuvenCiencia que ten lugar no Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Desde o obradoiro de comunicación científica lanzámonos ás distintas facultades para facer un seguimento de cada un dos proxectos, entrevista e fotografiar a cada unha das persoas acampadas, o monitorado e o profesorado. Estamos a preparar un dossier especial no que desvelaremos toda a verdade de #XuvenCiencia2022.

Mentres traballamos nas nosas informacións, deixámosvos unha pequena información de en que consiste cada un dos nosos proxectos de investigación e unha completa galería de fotografías da segunda sesión de laboratorio, recollida de datos e de mostras, traballo de campo e reporteirismo.

« de 40 »
Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2022
5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2022.
Análises clínicas: que me pasa, doutora? Saberase do valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?
Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?
AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduino. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.
Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.
Controla e constrúe robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.
Impresión 3D. Converte unha idea en realidade. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado.
Estratexias para o desenvolvemento dunha idea. Traballarse en equipo para a creación dun produto innovador e a súa promoción a partir de estratexias de márketing e publicidade, como a elaboración dun anuncio.
Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina. Esferificación? Destilación a presión reducida? Nitróxeno líquido? Os mecanismos químicos permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto.
Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.
Supera este reto! Educando con ciencia: outras maneiras de ensinar e aprender. Pensas dedicarte á docencia? Neste proxecto experimentarás con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas.
Cultura accesible a golpe de clic. Como lles contarías a outras persoas o interesantes que son os teus libros favoritos? Sábelo todo desa serie de televisión e daquel artista e desa cantante, pero de que xeito llo farías entender a outros/as? Este proxecto levarate ao Museo Provincial de Lugo para convertirte nunha experta/o en divulgación cultural grazas ás ferramentas narrativas ao noso dispor.
Facer ciencia coas letras. Os arquivos lévanlle moitos séculos de anticipo ao big data como fonte de coñecemento. Como se da sección de libros prohibidos de Hogwarts se tratase, aprenderás a abordar documentación antiga para facer unha investigación histórica e bucear nos rexistros criminais dos séculos pasados para reconstruír casos sen resolver.
Patóxenos animais: na procura dos malos. Bacterias e virus causan moitas doenzas. Neste proxecto aprenderanse algunhas das técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas: cultivo de bacterias, observación baixo o microscopio, antibiogramas e bioloxía molecular.
Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. O peixe cebra converteuse nun organismo modelo para a experimentación en áreas como a biomedicina. O alumnado deste proxecto realizará as técnicas moleculares e as análises necesarias par resolver casos reais de probas de paternidade en animais.
Fai tremer os teus cimentos. É posible que unha construción estea feita a proba de terremotos? En XuvenCiencia poderás deseñar e construír unha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará