Encaramos os últimos días de campamento e isto segue sen parar
A iso das dúas (máis ou menos, porque sempre hai grupos que van un pouco máis tarde) xuntámonos toda a xente xuvencientífica no comedor da facultade de Veterinaria para o xantar. Déixannos uns pouquiños minutos para xogar ás cartas, botar unha parolada… e ata unha soneca (se é que tes sorte). Xusto despois collemos rumbo para facer as visitas e obradoiros de tarde, que nos permiten coñecer centros do Campus de Lugo diferentes aos que xa nos acollen pola mañá mentres desenvolvemos os proxectos. O xoves foron a Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) e o edificio do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico (CACTUS). Na facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) tivemos un obradoiro de Design Thinking e na Escola de Enfermaría participamos na teatralización das ideas aprendidas o martes e o mércores. O casco histórico de Lugo e a empresa leiteira Larsa foron os outros espazos que descubrimos.