A fotografía documental de Anna Turbau revela en Lugo a Galicia da Transición
A fotógrafa catalá Anna Turbau, unha das máis importantes documentalistas gráficas contemporáneas, amosounos o martes a quen estabamos en Lugo a súa escolla máis íntima. Foi na Praza da Mosqueira e nun evento no que estivo acompañada pola profesora de Historia Contemporánea do Campus de Lugo Ana Cabana, que é integrante do grupo XuvenCiencia e unha das profes do proxecto P13 Facer ciencia coas letras do noso campamento. O evento realizouse coa colaboración da Xunta, a concellería de Cultura de Lugo, o Campus Terra da USC e XuvenCiencia. As imaxes tomadas por Turbau na Galicia da Transición, que é como se lle chama ao período histórico ao redor da fin da ditadura franquista –as fotos son de 1973 a 1979– poden verse estes días nunha exposición no Vello Cárcere, organizada polo Consello da Cultura Galega.