Breve introdución ao xornalismo científico

A divulgación fai accesibles os resultados dos experimentos, investigacións e descubrimentos a todos os públicos, independentemente da súa orixe, formación e intereses

O xornalismo científico é unha das formas da comunicación e da divulgación de ciencia.

Antes ca nada, deberemos ter claro que a comunicación e a divulgación científica non son exactamente sinónimos: entendemos por comunicación científica todas as formas de difundir os resultados de investigacións e experimentos, independentemente de que estean orientadas ao mundo da academia –isto é a outras persoas investigadoras e científicas– ou ao público en xeral.

Cando falamos de difundir ciencia a todos os públicos, independentemente dos seus intereses, orixes, idade ou formación, referímonos á divulgación científica.

O xornalismo científico é unha das formas da divulgación. Atopamos outras como os museos, as charlas e conferencias, os monólogos o as narrativas de ciencia ficción. Existen, tamén, formatos híbridos que aproveitan a plataforma dos medios de comunicación de masas, as redes sociais ou as posibilidades do ciberespazo e que mesturan características de todas as anteriores.

Nun artigo de 2003 no que abordaba a posición do xornalismo científico fronte aos retos da sociedade do século XXI, Manuel Calvo Hernando citaba a biotecnoloxía, os novos materiais e as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como principais áreas que centrarían a atención das e dos xornalistas especializados en ciencia.

Cando teñen pasado case que dúas décadas desde aquela previsión, podemos sinalar que unha información veraz e contrastada sobre o cambio climático e o colapso enerxético, a seguridade alimentaria e a saúde humana resultan tamén cruciais para entender o mundo contemporáneo e para construír unha sociedade que teña futuro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *