Xa temos a ligazón para a charla de Oliver Laxe
Corenta e tres horas quedan para que o cineasta Oliver Laxe pronuncie desde a Casa do Saber de Lugo a charla titulada Na procura da autorrealización, coa que lle poñerá peche ao Campus #XuvenCiencia2020 en Rede. Esta actividade poderá seguirse en streaming desde as 12.00 horas do venres tres de xullo pola canle de YouTube do Campus Terra de Lugo, na seguinte ligazón:
As vocacións, as afeccións, o apego e outro tipo de circunstancias que condicionan e conforman a carreira vital e profesional das persoas guiarán a actividade protagonizada por Oliver Laxe, unha das voces máis singulares do Novo Cinema Galego, e recoñecido internacionalmente grazas aos títulos Todos vós sodes capitáns, Mimosas e O que arde, a máis recente.
Unhas poucas persoas poderán seguir a charla de Oliver Laxe presencialmente, desde a Casa do Saber da Vicerreitoría da USC en Lugo, debido á necesidade de controlar o aforo para garantir as distancias de seguiridade e polo reducido das prazas dispoñibles (só 10), para facelo será preciso rexistrarse cun nome completo e número de DNI no enderezo electrónico xuvenciencia.matricula@usc.es