Sabemos o que fixestes no XuvenCiencia 2022
Agora que xa pasou case un mes do décimo aniversario dos Campus de Verán XuvenCiencia 2022 gustaríanos facer balance para que lembremos e lembredes o chulísimo que foi. Unha semana completa de aprendizaxes, obradoiros, xogos, visitas, ciencia -claro- e tamén letras e, sobre todo, convivencia e lembranzas inesquecibles.
Traballamos durante a semana en 16 proxectos moi diversos, que incorporan o alumnado de ensino medio nas investigacións reais e vixentes que se están a desenvolver no Campus de Lugo. XuvenCiencia non replica os laboratorios, senón que leva os e as xuvencientíficas aos lugares onde transcorren os descubrimentos científicos nas facultades luguesas da Universidade de Santiago de Compostela.
Que proxectos realizaron os/as xuvencientíficas do XuvenCiencia 2022?
Nas seguintes ligazóns poderedes acceder ás fichas con entrevistas persoais que realizamos desde a redacción do XuvenCiencia Magacine, integrada polo Obradoiro de Xornalismo:
Análises clínicas: que me pasa, doutora?
Animal CSI: realidade ou ficción?
AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduíno.
Impresión 3D. Converte unha idea en realidade.
Estratexias para o desenvolvemento dunha idea.
Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina.
Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas.
Supera este reto! Educando con ciencia: outras maneiras de ensinar e aprender.
Cultura accesible a golpe de clic.
Patóxenos animais: na procura dos malos.
Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético.
Investigacións reais e vixentes no Campus de Lugo da USC
Os proxectos XuvenCiencia consisten en realizar un traballo de campo ou recollida de datos que depende de cada unha das disciplinas. Para iso, é preciso que nos formulemos preguntas -hipóteses- sobre os obxectivos que pretendemos acadar co noso traballo. En función dos nosos propósitos e dos datos obtidos, traballamos para conseguir un resultado: pode ser unha pescuda (de saúde animal ou da nosa historia recente ou ben pasada), o deseño e elaboración dalgún obxecto ou a reintrodución dunha especie vexetal en perigo. Tamén pode ser que o noso interese estea en dar a coñecer algo ás demais persoas, xa sexa con valor formativo, informativo, estético ou comercial. O traballo segundo o método científico sérvenos para as ciencias experimentais e da saúde e tamén para a tecnoloxía, as ciencias sociais, as humanidades e as artes!!!
Podedes ver as galerías de fotos que fomos publicando no XuvenCiencia Magacine aquí, nestroutra ligazón e tamén clicando aquí.

Saídas a centros científicos e tecnolóxicos
En XuvenCiencia artellamos un programa no que os proxectos se complementan con visitas a espazos de investigación do propio Campus de Lugo da USC, como os laboratorios do Cactus, o Hospital Veterinario Rof Codina ou a Aula de Habilidades Clínicas Veterinarias, unha pequena XuvenFeira de demostracións de robótica, canal de ondas e realidade aumentada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e tamén visitas a empresas e centros tan diversos coma o Hospital Universitario Lucus Augusti ou Xenética Fontao, Finsa ou Norvento, o CIAR de Rozas, Larsa ou o edificio Lugo Life Biodinámico. Nesta liña de actividades enmarcamos tamén os obradoiros de danza e teatro e as visitas guiadas ao centro histórico de Lugo, xa que en XuvenCiencia estamos certas de que as persoas do presente e do futuro deben combinar inquedanzas e saberes nos ámbitos tecnolóxico e das artes e patrimonio.
Algunhas das fotos destas actividades podédelas repasar en galerías como esta e tamén aquí.

Festival de vídeos XuvenCiencia
Xa o primeiro día de XuvenCiencia 2022, o luns, tivemos a visita de Merenda Creativa, que nos deron unhas dicas para aprender a facer vídeo divulgativo. Ao tempo que traballabamos nos nosos proxectos faciamos tamén pequenas gravacións e entrevistas dos/as nosos/as compañeiras. O xoves pola tarde editamos estes vídeos que poden verse na canle de YouTube do Campus XuvenCiencia e que participaron a concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia, con galardóns para o proxecto P04 AquaLab, que se fixo co premio Aresa Júnior, e para P016 Fai tremer os teus cimentos, merecedor do premio Proxéctate en galego.
A partir das seis, da man de Lumieira
Ás seis, cando remataban as actividades científicas do Campus, comezabamos o programa de lecer da man de Lumieira, que levan todos estes anos a acompañarnos como unha peza fundamental na familia XuvenCiencia. Con eles, fumos bañarnos ao río, fixemos deporte, saímos dar unha volta pola praza de Augas Férreas e ata nos formamos en reanimación cardiopulmonar (RCP)… ou simplemente botamos unha partida de futbolín nas residencias!!!
Para refrescar a memoria, podes clicar nesta e nestroutra ligazón.
Despedida con XuvenFesta
Na tarde do venres tocou empezar a dicirnos adeus e fixémolo por todo o alto, cunha XuvenFesta con photocall, DJ, coreografías dos anos noventa e, sobre todo, moitos risos e apertas.





E para que vexades que o das coreografías noventeiras é rigosamente certo!