Os xornalistas de XuvenCiencia non perden detalle

A redacción de XuvenCiencia bota fume! Os nosos xornalistas seguen moi de preto o día a día de todos os grupos do campus, recompilando os detalles necesarios para ofrecer unha información detallada, precisa e didáctica sobre cada proxecto. Ademais, queremos que coñezades, un por un, os nosos xuvencientíficos. Por iso nos achegamos a cada un dos participantes para entrevistalos, como está facendo Ainara na imaxe con Brais, do proxecto Controla e adestra robots!

Lorena, Roque, Emilia, Bruna e Ainara forman un grupo de reporteiros excepcional. Vixiade os vosos pasos porque temos orellas e ollos por todas as facultades do Campus. Moito ollo!

Mestres de luxo para alumnos de luxo

Os xuvenreporteiros tiveron a oportunidade de aprender de primeira man algúns dos segredos da profesión grazas ao equipo de TVE que visitou Xuvenciencia. O xornalista Orestes Currás e o reporteiro gráfico Fernando Maseda elaboraron unha peza informativa sobre Xuvenciencia, e tiveron a amabilidade de quedar uns minutos extra para explicar como se cubren este tipo de informacións, como se constrúe a linguaxe audiovisual en televisión e tamén respostaron con moito afecto as preguntas dos nosos alumnos. Moitas grazas a ambos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *