Os equipos dos proxectos P04 e P08 gañaron os premios Aresa Júnior e Proxéctate en Galego

O venres do Campus de Verán XuvenCiencia é sempre un día de emocións fortes. Antes das festas e das despedidas, os e as xuvencientíficas asistiron no auditorio da facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC ao Festival de Vídeos XuvenCiencia, presentado pola profesora de Ciencias, veterinaria e monologuista Eva Cabanelas. Exhibíronse todos os vídeos creados polos equipos dos distintos proxectos e un xurado integrado pola vicerreitora do Campus, Montse Valcárcel; o técnico audiovisual do Estudo Terra, David Vázquez Fraga; o responsable da oficina de Normalización Lingüística da USC en Lugo, Xusto Rodríguez; a responsable de Proxéctate en Galego, Marta López Alonso, e a adxunta á presidencia de Aresa, Carlota López Pardo, foi o encargado de escoller os traballos que serían galardoados cos premios Aresa Júnior e Proxéctate en Galego.

Finalmente foron distinguidos os vídeos do P04 ‘Aqualab’ (máis Carla de P01 Xornalismo), co premio Aresa Júnior, e do P08 ‘Estratexias para o desenvolvemento dunha idea’ (máis Paula de P01 Xornalismo), co premio Proxéctate en Galego.

Os obradoiros de tarde do #CampusXuvenCiencia2021 foron encamiñados a que cada equipo traballase nun vídeo divulgativo de cada un dos proxectos. Para facelo, contaron co apoio d@s xuvenreporteir@s do equipo de Xornalismo.

 

O equipo de P04 Aqualab e Carla de P01 Xornalismo recolleron o seu premio Aresa Júnior de mans da vicerreitora de Coordinacion do Campus de Lugo, Montse Valcárcel, e de Carlota López Pardo, adxunta á presidencia de Aresa.
Montse Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, e Marta López Alonso, representante de Proxéctate en Galego, foron as encargadas de entregarlles os seus galardóns ás integrantes do P08 ‘Estratexias para o desenvolvemento dunha idea’, que contaron coa achega de Paula de P01 Xornalismo e que se impuxeron na categoría de ‘Proxéctate en Galego’.
Podedes ver todos os vídeos na canle de YouTube do Campus XuvenCiencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará