O Campus XuvenCiencia celebra a súa primeira XuvenFeira para dar a coñecer as titulacións da USC en Lugo
Unha escape room en ADE, un obradoiro de TikTok en Humanidades, esferificación do leite en Ciencias, habilidades clínicas en Veterinaria e exhibición de coidadores robóticos na EPSE son algunhas das propostas ofertadas
Os 65 estudantes preuniversitarios que participan esta semana no Campus de Verán XuvenCiencia poderán gozar o venres da XuvenFeira, a principal novidade desta novena edición. A XuvenFeira, a I Feira de Ciencias do Campus de Lugo, está deseñada para difundir e presentar a vertente máis atractiva das titulacións da USC en Lugo, sobre todo daquelas de máis recente implantación.
Unha escape room –ou cuarto de fuga— en Administración e Dirección de Empresas, para dar a coñecer o grao en Empresa e Tecnoloxía, e un obradoiro para aprender as posibilidades divulgativas da rede social TiKTok –unha das máis populares entre adolescentes—, co obxecto de promocionar a titulación de Xestión Cultural que comezará a impartir a facultade de Humanidades no curso 2021/2022, son algunhas das propostas da XuvenFeira.
Asemade, a facultade de Ciencias ten preparados obradoiros relacionados cos tres graos que acolle e mesmo os xuvencientíficos poderán experimentar coa esferificación do leite, como os cociñeiros máis prestixiosos, ou determinar o seu contido de proteína. A enerxía das ondas mariñas, a robótica aplicada aos coidados e a realidade aumentada son as iniciativas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría nesta XuvenFeira, que tamén terá paradas no hospital Rof Codina e no Laboratorio de Habilidades Clínicas da facultade de Veterinaria.
Segundo explica a coordinadora de XuvenCiencia, a profesora do departamento de Química Física da USC en Lugo Mercedes Novo Rodríguez, son dous os propósitos que cumpre esta XuvenFeira dentro da programación do Campus. Por unha banda, achega unha alternativa de actividades ás visitas a empresas que se adoitaban facer noutras edicións que resulta máis acaída nesta circunstancia pandémica que obriga a manter grupos burbulla, limitar os contactos e estremar as medidas de seguridade. Por outra banda, convértese nunha plataforma inmellorable para dar a coñecer unha faciana atraínte das titulacións do Campus de Lugo da USC.
Sobre todo, incide, Novo Rodríguez, daquelas que comezan a súa andaina no curso entrante, como Xestión Cultural, e igualmente doutras que veñen de ser implantadas con éxito nos últimos cursos, como Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía ou o grao aberto 5USC Enxeñarías.
A XuvenFeira do Campus XuvenCiencia 2021 conta con cinco actividades:
-
Visita ao Hospital Veterinario Rof Codina e prácticas no laboratorio de Habilidades Clínicas. Facultade de Veterinaria.
Os veterinari@s necesitan desenvolver habilidades clínicas para poder desempeñar o seu traballo. Os modelos e simuladores utilízanse cada vez máis para axudar a complementar a súa formación práctica e gañar destrezas antes de realizar os procedementos sobre os animais vivos. Estes modelos e simuladores alóxanse en laboratorios de habilidades clínicas onde os estudantes aprenden nun ambiente seguro e practican varias veces as diferentes técnicas. Neste taller, o alumnado poderá probar as súas habilidades clínicas rotando por tres estacións: Diagnóstico por Imaxe (manexo do ecógrafo), Cirurxía (realización de suturas e vendaxes) e Reprodución e Obstetricia (exploración xenital en egua e vaca). Ademais, terán a oportunidade de visitar un hospital veterinario e coñecer da man dos especialistas como se desenvolve o seu traballo diario nos diferentes servizos.
-
O poder proteico do leite. Facultade de Ciencias.
Actividades con leite ligadas ás titulacións da facultade: determinación do contido de proteínas no leite (Bioquímica), procesado para a obtención de produtos derivados (Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais), gastronomía molecular e nutrición (Nutrición Humana e Dietética).
-
Escape room ADE. Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE).
A USC foi vítima dun ataque informático que bloqueou os seus principais sistemas. A Policía sospeita que os responsables están relacionados coa Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Os xuvencientíficos terán que infiltrarse na facultade e buscar información que axude a identificalos. O tempo corre, así que terán que darse présa!!!
-
TikTok: de plataforma de lecer a ferramenta de traballo. Facultade de Humanidades.
Percorrido polas tendencias, estratexias e novos formatos das redes sociais: -que contido aporta valor
-como construír un perfil atractivo para o mercado laboral
-marca persoal / marca de empresa
O ciberespazo como territorialidade múltiple: o futuro profesional pasa por unha xestión eficaz das redes propias. -
Robótica para o futuro e realidade aumentada. Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE).
-A enerxía do futuro. Simulación dun convertedor de enerxía das ondas mariñas.
-SARndbox: un areeiro de realidade aumentada.
-Interacciona e coñece aos coidadores robóticos que nos acompañarán no futuro.