Falan de nós nos medios de comunicación

O Campus de Verán XuvenCiencia 2023 está a espertar o interese dos medios de comunicacón de Lugo e Galicia nestes primeiros días. Xornais, emisoras de radio e de televisión teñen enviado ata o Campus de Lugo da USC reporteiros e reporteiras que queren saber que é o que facemos aquí, de onde vimos ou que queremos estudar ou facer nas seguintes etapas das nosas vidas.

Xa o luns 2 de xullo, puidemos ler en El Progreso unha información asinada por Antonio Rico na que recollía unhas declaracións do divulgador Manuel Vicente, que aquel mesmo día había estar con nós na xornada inaugural do noso Campus. O propio Antonio achegouse ata a facultade de Veterinaria o luns para facer unha reportaxe da xincana e do acto de apertura coas autoridades. Podedes ler o texto completo e ver as fotos de Sabela Freire na seguinte ligazón.

Tamén tivemos a oportunidade de conversar con Emma Alonso, xornalista da Radio Galega, que entrou en directo desde o XuvenCiencia 2023 para o programa Galicia por Diante de Kiko Novoa. Mercedes Novo, a coordinadora de XuvenCiencia, e dúas das alumnas do campamento falaron o luns para a radio autonómica galega. Podedes escoitarlo na seguinte ligazón no web da CRTVG.

Imagen

A radio e a ciencia lévanse de marabilla e por iso Mónica Santos, de Onda Cero Lugo, entrevistou o martes a mediodía a Mercedes Novo e a Ana Couso, que é investigadora no Campus Terra da USC e unha das profes do proxecto P05 Árbores en tubos de ensaio. En canto teñamos dispoñible a ligazón tamén vola partillaremos.

Na xornada do martes outro visita que recibimos foi a de Fernando Maseda, Orestes Currás e Antía Fernández, de TVE en Galicia, que acompañaron o grupo xuvencientífico do proxecto P02 Análises Clínicas na súa toma de mostras na Granxa Gayoso Castro e que tamén coñeceron na EPSE o P06 Controla e adestra robots. Podedes velo aquí:

Saímos tamén estes días en reportaxes extensas de medios como Praza Pública, que xa dera conta de xeito pormenorizado de todo canto facemos nesta peza tan chula. Igualmente agradecemos sempre o agarimo co que nos trata Ignacio Rodríguez, do gabinete de comunicación do Campus de Lugo da USC, que escribe para o Xornal da USC informacións como esta ou estoutra.

De igual xeito, adoitan ser habituais nas nosas presentacións os compañeiros e as compañeiras de TIC Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. Velaí vai a peza que fixeron o luns:

Enfoques.gal e Galicia Xa son algúns outros medios que dan conta das nosas actividades. A medida que vaiamos sabendo de máis noticias e reportaxes, actualizaremos a peza.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *