Cultivo in vitro: a técnica que está a revolucionar a botánica
Óscar Rodríguez
Por moito que as ameazas derivadas do cambio climático sexan agora máis evidentes que nunca, a ciencia está tratando de reaccionar. As xuvencientíficas do proxecto 5 están a descubrir estes días as últimas novidades do cultivo in vitro, unha novidosa técnica con aplicacións tan variadas como a protección de especies en perigo de extinción ou o control de pragas.
As participantes contan a dificultade de adaptarse as condicións de traballo nun laboratorio, particularmente ao coidado para manter condicións de absoluta asepsia, pero amósanse sorprendidas do moito que lles gusta unha actividade que, moitos recoñecen, non estaba entre as súas preferencias iniciais. Lola, que acaba de rematar 4º da ESO, destaca a liberdade e o enfoque práctico que os profesores lle están a dar á actividade e Andrea, pola súa banda, cre que o que está a aprender será moi útil para o seu futuro, que ten claro que quere vincular a un laboratorio.
Aínda que as participantes non teñen decidido aínda se volverán o ano vindeiro, o proxecto parece estar sendo todo un éxito e as estudantes comprométense, canda menos, a considerar a oferta formativa relacionada no Campus Terra.