Ciencia e ficción, un combo invencible (Vol.I – Literatura)
Hoxe en día é raro o ano no que as salas de cine non reciben unha película (como mínimo) de superheroes ou fantasía. Magos, diaños, robots… Moitas son as criaturas e situacións que o ser humano ten imaxinado, incluso con séculos de antelación a inventos reais. Nesta reportaxe tríptica, afondaremos na relación entre a ciencia real e a ciencia ficción, unha simbiose cultural que, ben analizada, é divulgación científica
Nicolás Carreira Pena
A primeira entrega desta saga xornalística versa sobre a literatura que, lonxe de quedar esquecida ou relegada, se adicou en contido e esencia á ciencia. Por erro dunha traducción directa do inglés, o termo ciencia ficción non é correcto aínda que o seu uso sexa algo aceptado e consolidado, por iso debera ser trocado polo termo ficción de ciencia, moito máis preciso e explicativo no seu contido. Polo tanto, non toda a fantasía que se xera no mundo cultural é “ciencia ficción”, por moito que cargue con esa etiqueta. Non é casualidade que cando os nosos teléfonos fan algo de xeito autónomo (grazas a formas de intelixencia artificial), pensemos que sobre nós hai un Big Brother como o da novela 1984 de George Orwell. A ficción científica vive ao noso arredor.
Considérase que a primeira mostra deste xénero (por entonces totalmente anovador) apareceu no ano 1818 da man da escritora Mary Shelley, quen coa obra Frankenstein ou o moderno Prometeo falou dunha volta á vida mediante a Ciencia e a Medicina. No momento que foi creada esta novela había unha certa corrente de pensamento que invitaba a roubar corpos en cemiterios e experimentar sobre a posibilidade de retornar da morte. Shelley, que observou isto dende a súa fiestra non poucas veces, narrou unha historia universal sobre a condición humana e sentou as bases (ou polo menos os precedentes) dunha ciencia ficción divulgadora e orixinal.
Aínda que Frankenstein é recoñecida como a primera obra deste novo xénero, hai voces da Academia que rexeitan este feito e sinalan a orixe xa na mitoloxía grega co mito de Dédalo ou en autores como Louis-Sébastian Mercier, Lorenzo Hervás y Panduro ou Antonio Marqués y Espejo. Dúas destas voces disonantes son pesos pesados da materia e do mundo da Ciencia, Carl Sagan e Isaac Asimov, quen consideran a obra Somniun de Johaness Kepler a primeira narración de ficción científica.
Algúns dos elementos que definen esta corrente literaria son a linguaxe (tanto técnica como imaxinativa que pode adiantarse á propia realidade), as referencias a experimentos ou teorías, enxeñería e filosofía, bioloxía e, sobre todo, reflictir os avances e coñecementos científicos da súa época. É habitual que a terminoloxía acade estadios de universalidade ata formar parte dun dominio público xeral, onde se reproduzan incluso entre varios autores.
Así como a literatura de ciencia ficción se serviu da Ciencia para continuar creando e reproducíndose, acontece algo similar no sentido oposto. Moitas hipóteses e conceptos agora reais xurdiron como vías de traballo en laboratorios de todo o mundo ata cristalizar en resultados grazas á narrativa imaxinada por escritores como Mary Shelley. Algúns destes préstamos son a palabra “robot”, utilizada polo autor checo Karel Čapek para designar “traballo duro e pesado”, a órbita xeoestacionaria, a viaxe á Lúa, a enerxía nuclear e a bomba atómica, o rádar, a nanotecnoloxía ou o recente campo da antimateria.
Probablemente, sen as aportacións de Mary Shelley a literatura non tería sido o mesmo, pero ela non é a única que adicou a súa vida a un xénero complexo e que tardou en ter valía. Edgar Allan Poe foi outro dos nomes que, aínda que é recoñecido pola súa relevancia no campo do terror, traballou en conceptos que parecen estar ligados a buracos negros, entre outros temas. Esta fascinación polo espazo exterior e os planetas é algo concreto de séculos pasados, onde a astronomía e astroloxía eran un campo de estudo moi recurrido.
Sen cambiar todavía ao século XX, é preciso falar de Jules Verne como o gran autor da ficción científica. Grazas a el comezan a escribirse aventuras sobre descubrimentos en lugar de sentimentos de desazón e xorde o interese pola invención. Da narrativa de Verne despréndense viaxes ao espazo, ás profundidades do mar e da Terra ou a volta ao mundo en múltiples novelas, destacando entre elas Cinco semanas en globo, Vinte mil légoas de viaxe submarina ou A illa misteriosa.
Ao mesmo tempo que o francés e considerado pai do xénero relataba surrealistas peripecias, xurdía o nome do máis vendido e recoñecido autor da ficción científica: H. G. Wells, capaz de mesturar drama e crítica social cos avances tecnolóxicos da época e posibles futuras invencións. O escritor británico foi quen de prever e imaxinar unha forma de conexión moi similar á actual Internet, os avións ou a enxeñería biolóxica, entre unha larga listaxe de conceptos. As súas obras rivalizaron coas de Verne e afondaron na natureza humana, algúns exemplos son A máquina do tempo, A illa do doutor Moreau, O home invisible ou A guerra dos mundos.
Ambos autores coparon o xénero durante décadas en éxito e visión, aínda que non foron os únicos. No primeiro terzo do século XX houbo varios nomes destacados pero que non lograron a pegada dos mestres previos. A historia amosa que isto débese a factores como a Primeira Guerra Mundial, a Revolución Rusa ou as crises económicas e demográficas que atacaron a Occidente nese tempo.
A Idade de Ouro da ficción científica considérase que comeza no ano 1938 co nacemento da revista Astounding Science Fiction e prolóngase ata 1950, con nomes como Arthur C. Clark, Robert A. Heinlein e, sobre todos eles, Isaac Asimov (Eu, Robot), un dos grandes divulgadores científicos da historia e narradores de mundos espaciais inspiradores de Star Wars e similares. Nesta época, e grazas ao aumento de popularidade do xénero, outros autores únense á moda temporalmente, destacando o caso de Jorge Luis Borges ou Aldous Huxley (Un mundo feliz).
Logo do fin da Segunda Guerra Mundial, a ficción científica comeza a experimentar cambios de contido e forma. As obras xa non versan unha complexidad superior ou de profundidade e afloran as historias curtas, incluso sensacionalistas. As cubertas serias e o mundo da tecnoloxía comezan a ser substituídos por monstros e rapazas semi espidas, o fenómeno adolescente invade e muda por completo o xénero.
Despois da publicación de 1984 de George Orwell en 1948, os literatos adicados ao xénero medran e distáncianse dos éxitos que obras menores e sen trascendencia logran entre a poboación. Nesta Idade de Prata ou Nova Xeración nace a narrativa que influirá de xeito innegable no cinema e na televisión ata os nosos días, sendo a orixe de figuras relevantes e iconos pop. Aos nomes anteriormente citados, súmanselles Ray Bradbury (Crónicas Marcianas, Fahrenheit 451), Anthony Burguess (A laranxa mecánica), Frank Herbert (Dune), Philip K. Dick (Soñan os androides con ovellas eléctricas?, obra na que se basea o clásico do cinema Blade Runner) e Ursula K. Le Guin (A man esquerda da escuridade).
Autores como estes sentaron a base de moitas estruturas narrativas e conceptos que superan as limitacións desta corrente artística e lograron filtrarse a movementos contemporáneos. Ademais diso, xurdiron de xeito paralelo outras escolas de ficción científica, como a da cultura afro, na que cuestións como o xénero e o racismo tiñan tanto lugar na historia como a tecnoloxía e as hipóteses futuribles. Grazas a aportes como estes, da man de Samuel R. Delany ou Octavia E. Butler, entre outros, o xénero consolidouse como unha forza inamovible na literatura moderna debido á súa complexidade e trasfondo social así como gozar dunha versatilidade difícil de igualar.
Actualmente, esta literatura segue xerando contido de calidade como os mundos distópicos de Margaret Atwood (O conto da criada) ou as correntes xurdidas ao abrigo da ficción científica como o steampunk (o movemento punk foi unha revolución dentro do xénero), que atopa representación ata nas nosas letras da man de autoras como Ledicia Costas (A balada dos unicornios). Quizais actualmente os superheroes álzanse co título de maior éxito no mundo, pero os cómics nos que se inspiran falaban anos antes de mutacións xenéticas, de Lamarck e Darwin, e de algo tan antigo que a novela curta O estrano caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde de Robert Louis Stevenson no ano 1886 xa resolvera: a paixón do ser humano por avanzar e coñecer supera a barreira que o corpo nos impón grazas á imaxinación.