Arrancamos o Campus de Verán XuvenCiencia 2024
A duodécima edición do Campus de Verán XuvenCiencia vén de comezar na mañá do luns, 1 de xullo, no Campus de Lugo da Universidade de Santiago. As nosas residencias recibiron onte preto dun cento de xuvencientíficas e xuvencientíficos, de entre 14 e 19 anos. Botaremos toda a semana a coñecernos un pouco mellor e a tirar aprendizaxes sobre as posibilidades formativas e de investigación que achega o Campus de Lugo da USC.
Xa case é unha tradición comezar a programación coa proba definitiva de confraternidade, que é a xincana XC, organizada grazas á colaboración de Manuel, Martázul e Alejandro, os profes do Centro de Linguas Modernas da USC en Lugo. O que conta é participar, si, pero a competición está a ser reñidísima. Actualizaremos información en vindeiras entregas.