Arranca o Campus de Verán de Xuvenciencia en Rede
Lucía Blanco Fernández
O Campus de Verán de Xuvenciencia en Rede 2020 vén de arrancar as súas actividades este luns. Debido á situación actual de pandemia global pola Covid-19, a nova edición da iniciativa será online pero manterá o seu obxectivo de achegar a ciencia a estudantes preuniversitarios de todo Galicia.
A vicerrectora de Coordinación do Campus de Lugo, Monserrat Valcárcel, deu inicio ao acto inagural no que presentou o programa e recordou que, malia ser virtual, os alumnos poderán experimentar na realidade. A profesora da USC e coordinadora do campus, Mercedes Novo Rodríguez, quixo agradecer o apoio das institucións e empresas que fan posible o evento e asegurou que van a poñer todo da súa man para que os rapaces teñan unhas xornadas “de desfrute, coñecendo ciencia, facendo ciencia e coñecendo xente con intereses semellantes”. Ademais, tamén animou a todos os rapaces a que participen na vindeira edición presencial.
Os once alumnos e alumnas que se inscribiron na iniciativa do Campus Terra poderán elixir entre os tres proxectos propostos: Ti e o tempo dirixido por Antonio Gregorio Montes e Wajih Al-Soufi, Somos o que comemos? dirixido por Ruth Rodríguez Bermudez e Marta López Alonso, e o Obradoiro de medios, unha das novidades deste ano, dirixido por Marta Veiga Izaguirre e Nicolás Carreira Pena. Ademais, contarán coa axuda de seis monitoras e poderán participar nas XuvenTardes de Lumieira, nas que realizarán numerosas actividades. O venres 3 de xullo, o cineasta Óliver Laxe poñerá punto e final ao campus cunha charla que realizará a modo semipresencial na Vicerreitoría do Campus de Lugo.