A medida do tempo, unha das primeiras actividades intelectuais da humanidade

Marta Veiga Izaguirre

Do mesmo xeito que a creación de contos e narracións orais, a música e as pinturas rupestres, a medida do tempo está considerada como unha das primeiras actividades intelectuais que desenvolveu a humanidade. As e os historiadores calculan que foi na transición ao Neolítico, cando as sociedades comezaron a deixar atrás os hábitos nómades e a centrar a súa economía na agricultura e na domesticación de animais, o intre no que os pobos comezaron a construír os primeros mecanismos para a medida do tempo.

Complexos megalíticos como Stonehenge, en Inglaterra, ou Newgrange, en Irlanda, foron erixidos coa propósito de marcar os solsticios de verán e de inverno, nos días máis longo e curto no hemisferio norte, respectivamente. Asemade, o profesor vigués de Matemáticas José Luis Galovart, despois de estudar o petróglifo de Mogor, en Marín, estableceu en 2009 unha interpretación astronómica para esta forma de arte da Idade de Bronce na vertente atlántica europea. Galovart estendeu a súa investigación a outros petróglifos, como os de Verducido (Pontevedra) e Pedra dos Lombos (Cotobade) e determinou que algúns deles marcan o equinoccio (de outono e primavera, cando o día e a noite teñen a mesma duración) e outros, os solsticios.

A gnomónica é a disciplina que estuda a medida do tempo e forma parte tanto da matemática como pola astronomía. Se o astronómo alemán Christopher Clavius foi un dos grandes expoñentes da chamada era dourada da gnómica no século XVI, a tecnoloxía de construír reloxos de sol remóntase a tempos prehistóricos. Atopamos reloxos de sol nas civilizacións babilonia e exipcia, nos pobos precolombinos de América e a misterioria pedra solar viquinga permitiu que este pobo de granxeiros do norte de Europa navegase o Atlántico, o Mediteráneo e chegase a Groenlandia e Canadá á altura do ano 1000 da nosa era.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará