A hora de Berlín non alterou os ritmos de vida diarios na península ibérica

Os traballadores españois non comen ou se deitan moi tarde se se ten en conta o ciclo de luz e escuridade. Así o sinala un estudo da Universidade de Sevilla sobre a influencia que ten a latitude nas actividades humanas

O enxeñeiro Sandford Fleming, deseñador do sistema de fusos e dunha hora universal, sinalou en 1884 durante a Conferencia do Internacional do Meridiano que as persoas realizarían sempre as súas actividades básicas (durmir, comer, traballar, estar na casa) guiados polo ciclo de luz-escuridade e non pola hora que marque o reloxo, que é só un instrumento para administrar ese ciclo. Hoxe asociamos a idea de Fleming aos ritmos circadianos e ao papel regulador que desempeña a luz ambiental.

O ritmo de vida dos traballadores españois non está desacompasado respecto do ciclo de luz e escuridade

Agora un estudo corrobora esta sinxela observación e vai un paso máis aló, ao desvelar a influencia que ten a latitude (distancia ao ecuador) neste problema. Este factor aparece porque a racionalidade de decisións como ‘entrar ao traballo ás 8 da mañá’ non depende do mediodía (8 AM quere dicir catro horas antes do mediodía), senón do amencer, que, á súa vez, só depende da latitude e a estación do ano. Isto fai que persoas que viven ao longo dun meridiano non coincidan sempre á hora de realizar as súas actividades.

Son as conclusións do estudo realizado polo profesor José María Martín Olalla da Facultade de Física da Universidade de Sevilla e publicado na revista Scientific Reports.

Olalla chegou a estas conclusións tras analizar as enquisas oficiais de emprego do tempo de 17 países europeos, incluída a Enquisa Harmonizada Europea de Emprego do Tempo (Hetus/Eurostat), de onde extrae cando realizan os traballadores europeos as súas actividades básicas. Esta información, xunto co fuso horario e os datos xeográficos de latitude, lonxitude, permite deducir as condicións de luz ambiental das actividades e desvelar patróns regulares relacionados co día máis curto do ano.

Os datos españois seguen os patróns europeos, o que indica que a hora de Berlín non alterou a vida dos españois e que o seu ritmo de vida non está desacompasado respecto do ciclo de luz e escuridade. É dicir, que os traballadores españois non comen moi tarde, non se deitan moi tarde, non ven a televisión moi tarde, non dormen pouco e non teñen a súa vida desacompasada co ciclo de luz e escuridade.

O amencer e anoitecer invernal

O estudo mostra que o amencer invernal (o máis tardío do ano e tanto máis tardío canto máis ao norte) dispara a actividade humana pola mañá condicionando hábitos como o espertar, saír de casa ou empezar a traballar, máis temperáns canto máis ao sur. Ao mediodía, o anoitecer invernal (o máis temperán do ano, e con máis motivo máis ao norte) empeza a influenciar o comportamento humano: o xantar tende a adiantarse no norte e a atrasarse no sur.

O anoitecer invernal dispara o peche da actividade humana e domina hábitos vespertinos como deixar de traballar, regresar a casa e cear: sempre máis temperáns canto máis ao norte. Finalmente, os hábitos nocturnos, como ver a televisión ou irse á cama, empezan a estar influenciados polo amencer do día seguinte: os países máis ao sur adiantan estes hábitos anticipándose a un amencer máis próximo.

A discusión horaria en España ten malinterpretado a función do fuso e ignorou o influencia que a latitude, a través do ciclo de luz/escuridade, ten nos ritmos de vida humanos. O día invernal, o máis curto e duro do ano, explica os hábitos horarios do continente. O seu amencer ocorre simultaneamente na península ibérica, Alemaña, Suíza, Francia, Bélxica, Países Baixos, Dinamarca e Suecia. Pola contra, o sol invernal necesita tres horas para poñerse escalonadamente desde Suecia ata a península ibérica. Quen destaca os “anómalos” hábitos vespertinos españois están a describir un fenómeno natural.

Referencia bibliográfica:

José María Martín Olalla. ” Latitudinal trends in human primary activities: characterizing the winter day as a synchronizer”. Scientific Reports 8 (5350) , 2018. Doi:10.1038/s41598-018-23546-5.

Fonte: UCC+i US
(Agencia SiNC)

One thought on “A hora de Berlín non alterou os ritmos de vida diarios na península ibérica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *